Tecín soia

Ícone iDevice
Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virme a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...
Ferbe o pote... mais, meu caldo,
soíña te hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas
sinto negras soidás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar,
anduriña, voa, voa,
ven e dime en onde está.

Partindo deste poema, que visión ofrece Rosalía da muller na sociedade galega do seu tempo?

Como se potencia no texto a idea de soedade?


Licensed under the Creative Commons Attribution-NonCommercial 2.5 License