Van alá cen días desde que Belvís, a rede social da AS-PG, fixo acto de presenza pública. Cen días que serven para avaliar o feito até agora e pensar no que resta por facer, cinxíndose sempre ás tres razóns polas que se puxo en en marcha:
• Porque cremos que as redes sociais poden empregarse como ferramentas de grande potencial para facilitar a aprendizaxe e a interacción social.
• Porque as características sociais actuais esixen un repensar o concepto de educación para o considerar un proceso polo cal a persoa adquire unha serie de competencias chave que lle van permitir adaptarse de modo flexíbel a un mundo que está a cambiar con rapidez e mostra múltiplas interconexións.
• Porque é preciso ofrecer ao profesorado galego e ás familias espazos de intercambio de opinións e traballo colaborativo na nosa lingua.
Sabemos que estamos lonxe de alcanzar estes obxectivos, mais como movemento de renovación pedagóxica pereceunos importante pór en marcha esta iniciativa porque non queremos permanecer á marxe do que acontece na sociedade.
Non pretendemos competir coas multinacionais que están por tras das redes sociais máis usadas, mais non renunciamos a que os usuarios e usuarias desas, os galegos e as galegas preferentemente, tamén teñan perfil en Belvís. Porque en Belvís se pode facer o mesmo que nas outras redes, mais cunha importante diferenza: Belvís é unha iniciativa pensada desde nós e ao noso servizo.
Que 2012 nos leve aos portos procurados.