X XORNADAS DA MULLER. A igualdade un traballo en equipo.
16 e 17 de marzo de 2012
Un ano máis a AS-PG e a CIG-Ensino organizan as Xornadas da Muller. Neste ano 2012 acadan a súa X edición e abarcan un tema tan amplo como é A igualdade un traballo en equipo polo que se tratarán temas tan diversos como a violencia de xénero, os sexismos no deporte, a linguaxe sexista ou as políticas existentes de igualdade de xénero ademais de presentar experiencias que se están levando a cabo nalgúns centros de ensino sobre estes temas.
Imaxe da actividade

As Xornadas terán lugar os días 16 e 17 de marzo de 2012 no IES As Fontiñas (R/ Estocolmo, 5 - Santiago de Compostela)

 

Programa

 

Venres 16

De 17:00 a 17:30 h. Recepción e entrega de material.

De 17:30 a 19:00 h. Ten xénero o deporte de competición? Marta Bobo, Profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña.

Desde unha breve perspectiva histórica tentaremos amosar a situación de discriminación das mulleres no contexto do máximo nivel deportivo e como este feito se extrapola a outras etapas da educación deportiva das mulleres e así desde a escola, a familia e o grupo social reprodúcense estereotipos de desigualdade. Desde a experiencia persoal trataremos de matizar algunhas propostas que sirvan para unha coeducación efectiva das persoas a través do deporte.

De 19:00 a 20:30 h. Cuestión de xénero, cuestión de aula, cuestión de centro. Adela Mirás, Diplomada en Fisioterapia e Licenciada en Ciencias de Actividade Física e do Deporte, directora do CPI Cova Terreña.

Unha experiencia de aula e de centro, tratando a cuestión de xénero a partir do principio de atención á diversidade. Pretende dar unha visión do traballo desenvolvido a través da área de educación física e dos plans de centro, como o plan de convivencia e o plan de acción titorial, que máis inflúen no traballo da educación en valores, como o respecto á diversidade, xa sexa do xénero, nivel de habilidade, etnia, relixión...

 

Sábado 17

De 10:00 a 12:00 h. Quérote... pero non máis que á miña vida. A construción de novos modelos de amor. Ianier Estébanez, Psicóloga, master en intervención de violencia contra as mulleres e especialista en prevención de violencia de xénero na adolescencia e redes sociais. Autora do Blog: Mi novio me controla... lo normal?

Se o lobo feroz e carapuchiña nunca foron felices xuntos, por que reproduce a nosa sociedade un atractivo masculino asociado á agresividade? É o amor posesivo, celoso, inevitable, agresivo, pasional, de amo e escrava... ou podemos inventar as nosas formas de relacionarnos máis próximas ao bo trato entre iguais? Coñeceremos e debateremos sobre fórmulas, intervencións e estratexias para traballar desde o bo trato, a análise crítica dos estereotipos e mansaxes culturais, e o empoderamento das mozas novas.

De 12:15 a 14:00 h. Final das políticas de igualdade de xénero? Rosa Coba Bedía, profesora da Faculatade de Socioloxía da Universidade da Coruña.

Esta intervención xirará en torno ao retroceso dos dereitos das mulleres, tanto en termos de políticas de redistrivución como de recoñecemento. E vinculará causalmente este retroceso dos dereitos conquistados polas mulleres a partir dos anos setenta coa reacción patriarcal e neoliberal que se estende como unha mancha negra sobre as nosas sociedades.

De 16:00 a 17:00 h. Ditos populares e os novos tempos. Mª Luísa Abad e Cristina Vázquez, IES Menéndez Pidal.

A linguaxe é un reflexo da sociedade. Din que os refráns son "sabedoría popular". Moitos deles son terriblemente sexistas e discriminatorios para as mulleres. Quixemos transformar estes refráns, adecualos, para que contemplen a igualdade entre mulleres e homes. Se queremos cambiar a sociedade, tamén a linguaxe terá que cambiar.

De 17:00 a 18:00 h. A igualdade na práctica educativa. Unha experiencia do CEIP Centieiras. Paloma Rodríguez Vázquez, coordinadora do proxecto, psicóloga e mestra de Educación Infantil; e Ana María Pérez Rico, mestra de Pedagoxía Terapéutica.

Introdución do principio de igualdade e o rexeitamento da violencia de xénero, a partir da posta en valor e a visibilización do traballo das mulleres en distintos ámbitos.

De 18:00 a19:30 h. Linguaxe e xénero: a intervención social. Teresa Moure, Profesora de Lingüística Xeral na Universidade de Santiago de Compostela e membro do Centro de Investigación do Feminismo e Estudos de Xénero da Universidade da Santiago de Compostela.

A nosa fala está ateigada de expresións que exclúen ou trivializan as mulleres, contribuíndo a perpetuar unha visión do mundo discriminatoria. Aínda hoxe moitas persoas resístense a depurar a súa lingua e entre a mocidade medra a idea de que esta cuestión apenas supón unha maquillaxe politicamente correcta. Tentaremos, daquela, formular novos argumentos e solucións para defendermos que este é un mecanismo de inclusión social, unha intervención en positivo para cambiarmos o mundo (a mellor).

 

Solicitada a homologación por 10 horas lectivas.

A matrícula é gratuíta e realizarase a través da web da AS-PG : www.as-pg.com ou da CIG-Ensino: www.cig-ensino.com, no apartado de formación.

O número de prazas é limitadoe cubrirase por orde de inscrición tendo en conta que hai unha reserva máxima  dun 30% para aquelas persoas que nunca traballasen como docentes para a Consellería de Educación.

[Imprimir]